Benvido ao Complexo hospitalario
En 2004 constituíuse o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo a partir dos diversos hospitais públicos da cidade: Xeral, Meixoeiro, Cíes, Nicolás Peña, Rebullón e os centro de especialidades de Coia e A Doblada. Como pode apreciarse na páxina que hoxe, inicios de 2009, se abre ao público, o resultado desta integración posiciona a Vigo entre os grandes centros asistenciais non só de Galicia senón de toda España por recursos materiais e profesionais, carteira de servizos e poboación que se atende.
Vigo é a área xeográfica máis dinámica, con maior crecemento poboacional e maiores perspectivas de desenvolvemento económico de Galicia. A Xunta de Galicia apostou seriamente por desenvolver ao máximo os dispositivos de prestación sanitaria da área, cristalizando no proxecto da construción dun novo hospital, o proxecto de maior envergadura de Galicia, que vai permitir posicionarnos no grupo de cabeza dos hospitais do país.
Nestes últimos anos déronse pasos definitivos na asunción da nova identidade de complexo hospitalario único, algo que xa ninguén pon en dúbida e que se asumiu con ilusión e grandes esperanzas en dispoñer nun futuro próximo dun centro moderno, suficientemente dotado para poder dar unha asistencia de calidade a case 600.000 persoas, con docencia tanto de pre como postgrado e competitivo no panorama científico nacional a través do instituto de investigación desenvolvido coa colaboración da Universidade de Vigo e aberto a outras entidades e organizacións.
Este é o momento tremendamente apaixonante no que nos atopamos, a metade de camiño dun proceso de grande envergadura, tal vez a integración e fusión de centros hospitalarios máis complexa realizada en España. É en medio deste proceso cando a principios de 2008 decidimos deseñar e poñer en funcionamento unha páxina web cunha dobre finalidade: potenciación da comunicación interna e apertura á sociedade mediante un lugar de referencia institucional. Esta páxina web que hoxe ve a luz aspira a converterse nun instrumento de encontro entre a sociedade, os profesionais e a institución. Debe servir para reforzar a nosa identidade, os nosos valores e transmitir unha imaxe fidedigna da nosa realidade á sociedade á que nos debemos.
A nosa intención é manter unha imaxe viva, actualizada, que resulte útil a quen a visite e que anime a visitarse frecuentemente. Esperamos, coa axuda de todos, coas críticas e suxestións, cumprir o reto satisfacendo as expectativas depositadas.
Vigo, decembro de 2008
Xerente do Complexo Hospitalario