Estrutura do Complexo hospitalario

O complexo está formado polo Hospital Xeral, o Cíes, o Hospital do Meixoeiro, o Hospital Nicolás Peña, o Hospital do Rebullón e os centros de especialidades de eles dependentes.

Hospital Xeral

 

O edificio foi inaugurado no ano 1955, está situado no centro da cidade de Vigo. Localizado na Rúa Pizarro, 22.

O hospital estrutúrase en tres bloques perfectamente delimitados e comunicados entre si.

O edificio principal ten 18 plantas ademais do baixo e catro sotos, onde se atopan os servizos de hospitalización, centrais e área de admisión.

O segundo edificio, consta da área de urxencias, policlínica, bloque cirúrxico, rehabilitación, salón de actos, costura, vestiarios e lencería.

No terceiro edificio atópanse os servizos de Reanimación e zona Cirúrxica, Hospital de Día, Oncoloxía, Otorrinolaringoloxía, Rehabilitación, e Urxencias Pediátricas.

Policlínico Cíes

Situado na Avda. De Madrid, consta dun edificio de 6 plantas adicadas a unidades de cirurxía de ciclo rápido.

Hospital do Mexoeiro

Hospital do Mexoeiro

Situado ao Este da cidade de Vigo, sobre o alto do monte que leva o seu nome. Accédese desde a autoestrada A-52 ou ben pola AP-9 xuntándose ambas as dúas no nó do Alto de Puxeiros.

O centro hospitalario consta de catro edificios, tres anexos e dúas naves.

O edificio principal ten 7 plantas ademais do baixo e dous sotos onde se atopan os servizos de hospitalización e  servizos centrais. (M.Intensiva, M.Nuclear, Laboratorios, UCMA, e Diálise)

O segundo edificio aloxa os sevizos de urxencias e o bloque cirúrxico (incluíndo,  así mesmo, a Central de Esterilización Urxencias, A.Patolóxica e Cociña).

O terceiro edificio consta de dúas plantas,un baixo e un soto nos que se atopan os servizos de Admisión, Administración, Consultas externas, Radioloxía, Rehabilitación e Vestiarios).

O cuarto edificio, aloxa a cafetería e a Bibloteca do centro.

Anexo 1: Comprende o Salón de Actos, Sala de Xuntas, Sala de Seminarios e a Escola Universitaria de Enfermaría.

Anexo 2: Comprende as instalacións de alta tecnoloxía dos servizos de Cirurxía Cardíaca, Hemodinámica, Oncoloxía Radioterapica, Braquiterapia, H.de Día Oncoloxía e o Almacén Xeral.

Anexo 3:  En fase de construción que aloxará as Áreas Ambulatorias.

Nave Industrial: Aloxa as instalacións de lavandaría de todo o complexo e as salas de instalacións industriais.

Nave de Servizos: Talleres de mantemento, Almacén temporal de residuos e o Almacén de lavandaría

A estrutura arquitectónica do hospital foi concibida para dar a máxima confortabilidade posible aos usuarios.Todos os cuartos das plantas de hospitalización posúen unicamente dúas camas, así como de teléfono e television gratuíta, contan cunha adecuada iluminación natural, xa que todas son exteriores e unhas inmellorables vistas da Ría de Vigo.

Hospital Nicolás Peña

O centro está catalogado como de media-longa estadía e ten como función principal completar as necesidades asistenciais de patoloxías de Medicina Interna dos seus centros de referencia correspondentes : o hospital Xeral-Cíes, o hospital do Meixoeiro e a clínica Povisa.

O centro atópase nunha das zonas máis céntricas de cidade de Vigo, xusto entre a praza das Travesas e a do Concello, aínda que conta con varios accesos, a súa porta principal é a da Avenida das Camelias, 109.

As instalacións hospitalarias están nun recinto axardinado, dispostas en varios pavillóns independentes, así no ano 2001 foi inagurado o novo edificio de hospitalización para doentes agudos de Psiquiatría e de Medicina Interna e que conta con todas as unidades de hospitalización  para prestar os servizos asistenciais.

No resto dos pavillóns fóronse asentando diversos servizos unha vez acometidas as obras de remodelación e modernización. Así conta cos seguintes pavillóns.

Pavillón 1: Administración e Dirección. E os servizos de Contabilidade, Facturación e C.Administrativa

Pavillón 2: Centro de Saúde de Atención Primaria. E a base medicalizada do 061.

Pavillón 3: Unidades de Saúde Mental de adultos e Infanto-Xuvenil.

Pavillón 4:  Base do Centro de Transfusións de Galicia e o Hospital de día de Psiquiatría.

Edificio Principal. De nova construción (antigos pavillóns 5,6,7) dispón dunha planta soto, unha planta baixa e 4 plantas onde se atopan os servizos xerais do hospital, centrais, admisión e os de hospitalización de M.Interna, Psiquiatría Agudos, as Unidades de Coidados Paliativos, a de Desintoxicación así como o servizo de subministración de todo o CHUVI

Pavillón 7:   Capela.

Pavillón 8 :  Sevizo de Persoal.

Hospital do Rebullón

Hospital Rebullón

Situado a 300 m do alto de Puxeiros, no Concello de Mos, accédese desde a A-52 que une Vigo con Porriño.

O  centro atópase nunha leira axardinada de 60.000m2 acollendo catro edificios.

O Edificio principal adicado a doentes psiquiátricos consta de catro plantas e que aloxa os servizos de hospitalización (unidade de rehabilitación,unidade de coidados especiais,unidade residencial) e os servizos centrais.

Os pavillóns tres e catro constan dun soto e dúas plantas atopándose nestes intres baleiros.

No cuarto edificio de planta baixa, unha nave de 3.500m2 aloxa o arquivo de historias clíncas de todo o CHUVI.

Identidade do Complexo

Pola súa dotación de servizos, podémolo considerar un complexo que presta unha asistencia médico-cirúrxica á poboación da súa área e é referencia nas especialidades de Cirúrxia Plástica para os doentes de toda a área de Pontevedra, de Oncoloxía Radioterápica e Medicina Nuclear para área sur de Galicia e na especialidades de Cirurxía Cardíaca e Cardioloxía Intervencionista o doente ten libre a elección do centro en toda Galicia.

É un centro de dependencia patrimonial pública integrado na rede asistencial do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), pertencente á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.