Dereito á segunda opinión médica no Sistema Sanitario Público Galego
Que é a segunda opinión médica?
Enténdese por "segunda opinión médica" o informe facultativo emitido como consecuencia da solicitude realizada polo/a usuario/a do Sistema Sanitario Público Galego, coa finalidade de contrastar un primeiro diagnóstico completo ou proposta terapéutica e facilitarlle ao/á paciente, se é o caso, maior información para decidir entre as opcións clínicas dispoñibles.
Quen pode pedir a segunda opinión médica?
Todos os/as residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de tarxeta sanitaria en vigor teñen este dereito.
Procesos con garantía de segunda opinión médica.
Pódese solicitar unha segunda opinión médica nos seguintes procesos:
- Enfermidades neoplásicas malignas, agás cancros de pel que non sexan melanomas.
- Enfermidades neurolóxicas e dexenerativas invalidantes.
- Enfermidades graves con causa hereditaria claramente definida.
- Confirmación de diagnóstico de "enfermidade rara" (aquela patoloxía con risco de morte ou invalidez crónica e baixa prevalencia, menor de 5 casos/10.000 habitantes, incluídas as de orixe xenética).
O dereito á segunda opinión médica só se poderá exercer unha vez en cada proceso asistencial.
Solicitude da segunda opinión médica.
A segunda opinión médica poderá solicitala o/a paciente e, se este/a non pode, as persoas cualificadas para iso.
A solicitude realizarase por escrito cubrindo o modelo existente para o efecto, e dirixirase á Dirección Provincial correspondente ou, se é o caso á Dirección de Área Sanitaria.
Deberá presentarse dentro do prazo máximo dun mes desde que se faga o primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica.
O/A paciente poderá propoñer un facultativo do Sistema Sanitario Público Galego para que emita a segunda opinión médica.
Resolución
A resolución sobre a solicitude darase a coñecer por escrito ao/á paciente no prazo máximo dun mes.
De non ser así entenderase por estimada a solicitude formulada.
Consulta e emisión da segunda opinión médica
Cando así se fixese constar na solicitude, o centro no que preste servizos o facultativo designado para emitir a segunda opinión médica, porase en contacto co/coa paciente para concertar a cita da consulta.
O prazo para a emisión da segunda opinión médica será de 15 días hábiles, contados a partir da consulta ou da recepción da documentación clínica.
Este prazo suspenderase durante o tempo necesario para a realización dalgunha proba ou exploración complementaria.
O informe de segunda opinión médica comunicarase persoalmente ao/á interesado/a.
Garantía da segunda opinión médica.
O/A paciente terá dereito a decidir libremente entre as opcións clínicas dispoñibles (conforme a carteira de servizos do Sistema Sanitario Público Galego).
A atención sanitaria terá lugar no centro de orixe se o diagnóstico é confirmatorio do primeiro.
En caso contrario, poderá optar por continuar sendo atendido no centro de orixe de acordo co diagnóstico ou proposta terapéutica inicial, ou ben no centro que prestou a segunda opinión médica de acordo con esta.