O dereito á saúde
Como Sistema Sanitario mantemos un compromiso con vostede para proporcionarlle a mellor atención posible, garantindo que os servizos cheguen a toda a poboación e dispoñendo os recursos alí onde se necesiten. Esperamos de vostede o seu compromiso por preservar este ben común.
Os dereitos, os deberes e as garantías no Sistema Público de Saúde
En Galicia, os dereitos e deberes básicos en saúde son establecidos por Lei, tomando como base os instrumentos intergubernamentais, tratados, convenios internacionais, directivas e lexislación estatal.
O Sistema Público de Saúde de Galicia recoñece unha serie de dereitos que inciden especialmente na autonomía do paciente, na información e na documentación clínica, na protección especial dalgunhas persoas, e na participación da cidadanía na xestión do Sistema Sanitario Galego.
A Xunta de Galicia e as autoridades sanitarias teñen o deber de adoptar as medidas oportunas que garantan os dereitos da cidadanía. Unha figura administrativa está encargada de velar polo cumprimento dos dereitos recoñecidos á cidadanía e mediar activamente nos conflitos que, en relación co exercicio efectivo destes, se poidan presentar.
Titulares do dereito
Segundo a Lei Xeral de Sanidade:
- os españois e os cidadáns estranxeiros que teñan establecida a súa residencia no territorio nacional.
- os estranxeiros non residentes e os españois fóra do territorio nacional teñen garantido tal dereito na forma que as leis e convenios establezan.
En Galicia:
- as persoas que residan nos municipios da Comunidade Autónoma e os transeúntes no territorio da comunidade, na forma e condicións que estableza a lexislación vixente, dereito comunitario e europeo e os convenios nacionais ou internacionais que resulten de aplicación.
- os galegos e galegas de orixe ou ascendencia que, residindo fóra de Galicia, se vexan amparados polos convenios para o efecto, no xeito e condicións establecidos neles.
- os menores e as mulleres xestantes, calquera que sexa a súa residencia ou situación.
- todas as persoas en situación de urxencia e emerxencia.
Sistema de Saúde
Os poderes públicos teñen a competencia de organizar e tutelar a saúde pública, mediante un sistema de saúde que alcance a todos e contemple, tanto a prevención, como a prestación de servizos sanitarios.
As accións xerais e comúns, fundamento dos servizos sanitarios de todas as Comunidades Autónomas, levaranse a cabo a través do Sistema Nacional de Saúde; que asegura o equilibrio territorial no acceso a prestacións e servizos sanitarios seguros, efectivos e eficientes.
O Sistema Nacional de Saúde concíbese como unha rede integrada de servizos de saúde xestionados polas Comunidades Autónomas, convenientemente coordinados.
En Galicia, os recursos, actividades, servizos e prestacións de promoción da saúde e de asistencia sanitaria organízanse a través do Sistema Público de Saúde de Galicia.
O dereito á saúde
O goce do grao máximo de saúde é un dereito fundamental da cidadanía, inherente á dignidade da persoa.
Trátase dun dereito que leva implícita unha acción de conservación e outra de restablecemento. Por tanto, non se limita á simple atención da saúde, senón que abarca unha ampla gama de factores que favorecen unha vida sa.
Ademais, é un dereito tutelado polo Estado, en tanto que implica facer uso de medios que abordan de forma equitativa e eficiente a prevención e a asistencia, para achegar os servizos sanitarios de forma universal á cidadanía.
A autoridade directiva e coordinadora en materia de labor sanitario mundial é a Organización Mundial da Saúde (OMS), axencia especializada das Nacións Unidas (ONU), establecida en 1948, formada por 160 estados membros.
A OMS é responsable de axudar a todos os pobos a acadar o máximo nivel posible de saúde, a través de servizos de carácter orientador ou técnico.
A súa estrutura central está formada por un órgano decisorio chamado Asemblea Mundial da Saúde, integrada por delegados de todas as nacións membros e unha Secretaría, composta por unha directora xeral e persoal técnico e administrativo. A axencia mantén organizacións rexionais para o suroeste de Asia, a parte oriental do Mediterráneo, Europa, África, América e a zona occidental do Pacífico. A OMS ten a súa sede en Xenebra (Suíza).
A Administración sanitaria galega establece políticas en materia de saúde, orientadas a garantir e tutelar a atención sanitaria de toda a cidadanía, adoptando os instrumentos xurídicos para o seu goce efectivo e aplicando os programas da Organización Mundial da Saúde.
Os dereitos do paciente
Todos os pacientes teñen dereito á calidade de vida, á integridade física e psíquica, ao respecto á súa dignidade, á intimidade, valores éticos e culturais e conviccións filosóficas e relixiosas, non sendo discriminados durante o proceso de atención por estes motivos.
En Europa, o desenvolvemento dos dereitos do paciente parte dun marco común de principios e disposicións, establecidos nos seguintes Instrumentos Intergubernamentais, Tratados e Convenios Internacionais:
- Declaración Universal de Dereitos Humanos (1948)
- Convenio Internacional de Dereitos Civís e Políticos (1966)
- Convenio Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (1966)
- Convenio Europeo de Dereitos Humanos e Liberdade Fundamental (1950)
- Carta Social Europea (1961)
- Declaración de Amsterdam sobre a promoción dos dereitos do paciente en Europa (Organización Mundial da Saúde, 1994)
- Convención de Dereito Humanos e Biomedicina (Consello de Europa, 1997)
Carta de París Contra o Cancro (2000).
Os dereitos humanos
Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos. Dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros. - Artigo 1 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos
Toda persoa ten dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como a súa familia, a saúde e o benestar e, en especial, alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios.
Así mesmo, ten dereito aos seguros en caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvez, vellez ou outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade.
O marco de protección dos dereitos humanos e a dignidade humana ten o seu precedente en distintas declaracións internacionais e dereitos constitucionais e instrumentos de carácter xurídico, dos cales os máis relevantes son:
- A Declaración universal de dereitos humanos, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa resolución 217 A (III), de 10 de decembro de 1948 e que recolle os dereitos humanos considerados básicos.
A unión deste Declaración e os Pactos Internacionais de Dereitos Humanos comprende a Carta Internacional de Dereitos Humanos.
- Os Dereitos da Infancia son dereitos que posúen as nenas, nenos e adolescentes pola sinxela razón de nacer. Son inalienables, irrenunciables, innatos e imprescindibles para unha boa infancia.
A primeira declaración de dereitos do neno, de carácter sistemática, foi a Declaración de Xenebra sobre os Dereitos do Neno de 1924, redactada por Eglantyne Jebb fundadora da organización internacional Save the Children, que foi aprobada pola Sociedade de Nacións o 26 de decembro de 1924.
As Nacións Unidas aprobaron en 1948 a Declaración Universal dos Dereitos Humanos que, implicitamente, incluía os dereitos do neno. As particulares necesidades de protección da infancia levaron á Asemblea Xeneral da ONU, a aprobar en 1959 unha Declaración dos Dereitos do Neno, na que constaban 10 principios, que concretaban os anteriores.
O Fondo Internacional da Emerxencia das Nacións Unidas para os nenos (UNICEF) inicia en 1953 os seus labores como organismo especializado e permanente para a protección da infancia (Fondo das Nacións Unidas para a Infancia). En 1989, as Nacións Unidas presentaron a Convención sobre os Dereitos do Neno, que entrou en vigor ao ano seguinte.
- Os Dereitos Constitucionais, recollidos na Constitución española que outorga a toda a cidadanía unha serie de dereitos fundamentais e liberdades públicas e regula unha serie de garantías para este tipo de dereitos.
- A universalización dos dereitos humanos enriqueceuse co desenvolvemento da disciplina da Bioética. Esta disciplina trata de entrelazar a cultura científica e a cultura humanística, co fin de achegar solucións aos conflitos da sociedade actual, desde a súa complementariedade.
Os dereitos humanos foron engrandecéndose coa consideración de principios éticos que fan énfase na autonomía da persoa, no respecto á súa integridade cando se somete á práctica médica, na xusta distribución de recursos sanitarios dentro dos criterios de igualdade, de dignidade dos seres humanos, na defensa da vida ou na protección daquelas persoas que, pola súa condición económica, física ou mental, atópanse en situación de debilidade manifesta.
Os dereitos dos nenos
Convención polos Dereitos do Neno, Asemblea Xeral das Nacións Unidas de 1989
As actuacións das institucións públicas ou privadas de benestar social, así como as autoridades administrativas, porán unha consideración primordial en atender o interese superior da infancia.
As institucións, servizos e instalacións responsables do coidado ou a protección dos nenos axustaranse ás normas establecidas polas autoridades competentes, especialmente en materia de seguridade, sanidade, número e idoneidade do seu persoal e supervisión competente.
Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF)
UNICEF (acrónimo de United Nations International Childrens Emergency Fund) foi creado pola Asemblea de Emerxencia das Nacións Unidades para a Infancia en 1950 para axudar as nenas e nenos europeos tras o fin da Segunda Guerra Mundial.
En 1953 convértese nun organismo permanente dentro das Nacións Unidas. Tivo un rol fundamental na formalización da Convención polos dereitos dos nenos e nos esforzos pola súa aprobación internacional. En 1990 coordinou o Cume Mundial en Favor da Infancia, no que máis de 150 países deron respaldo á Declaración e o Plan de Acción para a Supervivencia, a Protección e o Desenvolvemento do neno ao longo dos anos 90.
En 1965 outorgóuselle o Premio Nobel da Paz, e o Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 2006.