Doazón e transplantes
En Galicia, desde 1992, a unidade que se encarga de promover a doazón de órganos dentro e fóra do hospital é a Oficina de Coordinación de Transplantes. Esta unidade realiza unha serie de actividades encamiñadas á sensibilización da poboación respecto da doazón de órganos. Ademais, promoven a coordinación das distintas unidades implicadas no proceso, que aseguren que todas as operacións se realizan en condicións ideais e coa mínima tardanza posible.
Que é a Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia?
Creada por unha Orde da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, do 8 de xuño de 1992, ten a súa sede en Santiago de Compostela e as súas funcións son as mesmas que as da Organización Nacional de Transplantes (ONT), pero no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.