Docencia pregrao medicina

Docencia preclínica de Medicina no Complexo hospitalario

Nos últimos anos estase vivindo un troco na formación médica de pregrao debido en parte á converxencia universitaria europea. Na titulación de Medicina, entre outros cambios, isto tradúcese nunha maior énfase nas prácticas clínicas, que teñen un maior peso curricular, non só no que fai á súa carga docente, senón en que esta docencia práctica asume unha gran parte dos obxectivos que antes recaían sobre a docencia teórica.

Na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, estes cambios tradúcense en que os alumnos dos tres últimos anos pasan unha boa parte do seu tempo no hospital, en contacto directo co paciente, coa supervisión dos profesionais clínicos.

Ao mesmo tempo, existe unha maior presión social para a formación dun maior número de médicos, dado o incremento na demanda en múltiples especialidades. Xa que logo, o binomio clásico de Facultade de Medicina-Hospital Clínico pode ser insuficiente para as necesidades docentes creadas por este sistema.

Ante isto faise necesaria a dispoñibilidade dun maior número de estruturas asistenciais e de profesionais para poder formar aos alumnos. En resposta a isto en Galicia a Universidade de Santiago asinou un convenio co Servizo Galego de Saúde, como complemento aos Concertos existentes coas tres universidades, para a utilización de diversas institucións sanitarias e a participación dun maior número de profesionais na docencia de pregrao.

Con este fin creouse unha Comisión Mixta de Docencia de Grao de Medicina formada por profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e da Facultade de Medicina, na que se están desenvolvendo as bases para instaurar unha docencia de pregrao de calidade neste Complexo Hospitalario. Para iso cóntase coa experiencia previa de moitos anos de colaboración na docencia do antigo curso rotatorio no noso Hospital, existindo profesores asociados de ciencias da saúde de diversas áreas de coñecemento. Ademais, desde o ano 2005 comezouse de forma piloto coa docencia de varias materias clínicas, pasando os alumnos de cuarto, quinto e sexto un, dous ou tres días á semana polo noso Hospital para recibir esta formación, recibindo a docencia teórica os restantes días na Facultade de Medicina de Santiago.

Desde este ano a Comisión Mixta propúxose como obxectivo comezar para o próximo curso académico cun modelo que contemple unha maior implicación e responsabilidade do CHUVI na docencia. Para iso incrementarase o número de materias que os alumnos poderán cursar no CHUVI, así como aumentará o número de prazas dispoñibles. Progresivamente, dependendo da capacidade docente, tenderase para unha maior oferta docente, con materias impartidas completamente no Hospital, tanto troncais como optativas, así como materias de libre elección. Paralelamente, incrementarase de forma significativa o patrón de profesorado, nas súas distintas figuras, que, dependendo da Universidade de Santiago, desempeñará o seu labor asistencial no CHUVI.

O obxectivo futuro é que un número significativo de alumnos da Facultade de Medicina de Santiago poidan realizar a maior parte da docencia dos tres últimos anos da licenciatura nun contorno hospitalario, cunha maior integración da docencia teórica e práctica.

Alumnos actuais

Na actualidade están desenvolvendo a súa formación médica de pregrao 8 alumnos de 4º curso, 6 de 5º curso e 13 de 6º curso.