Equipamento científico-tecnolóxico
Laboratorio de Neuropatoloxía (H. do Meixoeiro)
Directora: Dra. Carmen Navarro Fernández-Balbuena
Liñas de Investigación
- Patoloxía Neuromuscular
- Banco de Tecidos Neurolóxicos (BTN), prionopatías e demencias atípicas.
- Enfermidades lisosomais de depósito
Equipamento relevante do que se dispón e técnicas que realiza
- Histopatoloxía e Inmunohistoquímica: equipamento xeral (criostatos, micrótomos, estufas, tinguidores e inmunotinguidores automáticos, etc). Vibratomo
- Ultraestrutura: Microscopio electrónico (cámara dixital acoplada en adquisición), ultramicrotomo e piramidador.
- Histogramas: sistema de microfotografía e morfometría acoplado ao microscopio óptico para o estudo de músculo, nervio e pel.
- Bioloxía molecular (extracción de DNA, PCR simple e múltiple, RFLP, exame de tránscritos do RNA, secuenciación do DNA xenómico): termocicladores, PCR-RT, secuenciador automático, analizador de imaxes para DNA e quimioluminiscencia, e outro aparataxe menor de bioloxía molecular.
- Western blot para proteínas musculares e do Sistema Nervioso Central (PrP e outras): cinco sistemas completos de electroforese e transferencia que inclúen cubetas, unidades de alimentación etc.
- Fluorímetro para determinacións bioquímicas das enzimas relacionadas coas enfermidades lisosomais de depósito e o seu estudo xenético.
- Banco de Tecidos Neurolóxicos (músculo e SNC).
Banco de Tecidos Neurolóxicos
O Banco de Tecidos Neurolóxicos (BTN) do Hospital do Meixoeiro implantouse a finais do ano 2002. Un BTN é un sistema prospectivo de obtención, conservación e almacenamento de tecidos en condicións óptimas que permitan a realización de calquera estudo morfolóxico, bioquímico ou molecular.
Ver folleto do BTN
O obxectivo principal dun BTN é o de proporcionar tecido nervioso que sirva como fonte para a investigación. O seu funcionamento debe estar baseado nun programa de donación, aínda que as mostras poden proceder tanto de doantes como de autopsias clínicas de pacientes con enfermidades neurodexenerativas e de controis.
O Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital do Meixoeiro conta cun laboratorio de bioloxía molecular e coas medidas de bioseguridade necesarias para traballar con prións. Estableceuse como centro de referencia de Neuropatoloxía en Galicia en 1995, e realizou desde entón a gran maioría das autopsias de ECJ da comunidade. A finais de 2002 implantouse o BTN no Hospital do Meixoeiro, que xa tiña ampla experiencia no campo dos bancos tisulares.
Un banco de tecidos neurolóxicos constitúe un foco de integración da actividade científica e serve como nexo de unión entre a investigación básica e aplicada, e a medicina asistencial, na que colaboran neurólogos, psiquiatras, xeriatras, neuropatólogos e outros especialistas.
Ademais, a colaboración con outros Bancos de Tecidos, nacionais e internacionais, establécese de forma regular para o estudo de enfermidades neurodexenerativas pouco frecuentes.
Laboratorio de Inmunoloxía (H. do Meixoeiro)
Director: Dr. Francisco Gambón Deza.
Liñas de investigación
- Xeración de células dendríticas para vacinas antitumorais.
- Filoxenia do sistema inmune. Estudo da xénese dos 5 isotipos de anticorpos dos mamíferos.
Equipamento
- Citómetro Coulter XL con sistema automatizado de preparación e dispensación de mostras. Igualmente estanse utilizando uns 50 anticorpos monoclonais marcados como fluorocromos, sendo esta tecnoloxía de uso diario no laboratorio.
- Cuarto de cultivos con campá de fluxo laminar e incubador de CO2. Compleméntase coa microscopía necesaria, autoclave, etc., para uso exclusivo en investigación.
- Para Bioloxía Molecular dispón de 4 aparellos para a realización de PCRs, sistemas de cubetas, transiluminador e sistema de análise de imaxe. No laboratorio realízanse reaccións de PCR, purificación de produtos e electroforesis en xeles de agarosa e poliacrilamida. Tamén se realizan técnicas de clonación de DNA.
Banco de Tumores (H. Xeral)
Director: Dr. Joaquín González-Carreró Fojón.
O Hospital Xeral-Cíes de Vigo integrouse en maio de 2003 na Rede de Bancos de Tumores do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), que conta con 15 hospitais nacionais, trala firma dun convenio de colaboración subscrito polo Sergas e o CNIO, converténdose no primeiro de Galicia en formar parte desta Rede, que consolida ao hospital vigués como un dos centros punteiros e de referencia imprescindibles no campo da investigación oncolóxica.
En base ao convenio, ao Xeral-Cíes correspóndelle a identificación, recoleción e almacenamento das mostras de tecido neoplásico, segundo criterios e protocolos unitarios técnicos e éticos elaborados pola Rede. As mostras permanecerán no Banco do propio hospital e poderán ser utilizadas libremente polos seus propios investigadores, estando a disposición doutros grupos cando sexan requeridos mediante a coordinación do CNIO.
Pode consultar a lista de hospitais asociados á Rede de Bancos de Tumores do CNIO no seguinte enlace: http://www.cnio.es/es/programas/progTumor09.asp